a opinión dos lectores
Cantas veces vemos un libro e nos atrae a portada, ou o argumento, ou o autor, pero non sabemos se nos vai gustar? Cantas veces nos tería gustado contar coa opinión dunha persoa que xa o lera?
Na biblioteca intentamos achegar as opinións duns lectores ós outros. Os socios da biblioteca que este último mes devolveron libros, foron sorprendidos cun "interrogatoiro" co único fin de poder compartir as súas opinións sobre os libros que acababan de ler con outros usuarios. Como é imposible recordar todas as opinións, estase intentando incluir no catálogo da biblioteca a opinión dos lectores sobre as súas lecturas: explicándolles ós usuarios como facer o comentario da obra (os usuarios que non saiban ou non poidan subir por si mesmos as súas opinións, poden comunicalo na biblioteca e esta subiráas no seu nome).
Para compartir unha opinión, pódese facer facilmente desde a páxina do catálogo da biblioteca, buscando a obra (en "Lista alfabética" ou "Frase ou texto" de autor ou título). Unha vez localizada a obra, premendo en [Enviar opinión] podemos comentar o que nos pareceu. Para acceder ás opinións deixadas por outros lectores, premeremos [Ver opinións]. Non fai falla resumir a obra, nin moito menos. Abonda con comentar o tipo de obra que é, o tema que trata, se gustou, se engancha, se é un "rollo", se apetece non rematar de ler o libro, que outros libros tratan a mesma temática e se recomendan, etc.; calquera comentario que poida axudar a outro usuario a decidir se lle pode gustar ou non esa obra.
A promoción que se está a facer do catálogo en liña, leva a que conte cunha media superior ás 20.000 consultas mensuais (nalgún mes, incluso superior ás 30.000). Favorecendo e promocionando a opción de opinar sobre as obras, esperamos que en breve o catálogo sexa moito máis usado.